domingo, 19 de abril de 2009

MANDA CARALLO NA HAVANA


Iso é, manda carallo na Havana.
Estou sorprendido coas alusións do Sr. Feijoo aos galegos ilustres, principalmente a Castelao.
É coincidencia que nestas datas eu estea a ler a obra de Castelao SEMPRE EN GALIZA, algo que debería facer moito tempo antes pero nunca é tarde se a dita é boa.
Levo lidas moi poucas páxinas, pero as suficientes para que quedara sorprendido co discurso do Sr. Feijoo, pregúntome ¿leu o libro este señor?, se así fose non me parece coherente que milite nas filas do partido que lle levou a presidir a Xunta, pois non creo que os ideais dese partido compartan o máis mínimo os valores de Castelao.
É máis se menciona a Castelao, debería amentar tamén a Alexandre Bóveda, xa que a biografía dun vai ligada á do outro.
Empezamos con demagoxia, e para mi é unha especie de insulto á intelixencia de moitos galegos.
Pero o máis sangrante é que eu aínda recordo a vergoña que pasaba cando me sinalaban e se rían por falar galego tanto eu como os meus familiares, e eses que se rían e che sinalaban co dedo son os que hoxe defenden algo que nunca creron.
A vida dá moitas voltas, pero ao final a historia xulga.
¿Que diría o meu avó materno? ao que por desgracia apenas coñecín xa que morreu cando eu recén cumprira cinco anos e co que me gustase falar xa que unha vez instaurada a democracia a miña nai me contou que estivo a punto de ser paseado.
¿Que pensará a miña sogra? Que con case noventa anos non lle interesa a política, pero que de moza estivo ao servizo de Alexandre Bóveda e viviu en primeira persoa aquelas tráxicas datas.
Dende logo que a partir de hoxe vou seguir con especial atención o proceso de conversión ao galeguismo do Sr. Feijoo, que por inercia imaxino que influirá no resto dos seus compañeiros de partido.
Espero que co tempo o seu fervente galeguismo non nos deixe de herdanza algo parecido ao mapa da imaxe, porque entón se, manda carallo na Habana.

No hay comentarios: